Conexión
Por circunstancias laborais, este mesmo ano residín uns meses en Tui. Para un nativo do Alto Miño coma min, o Baixo Miño e a Raia supuxeron un cambio de contorna importante. Neste período, amiúdo cruzaba a ponte que aparece na imaxe para cambiar de Estado, simplemente nun curto paseo buscando pasar as tardes. Un deses días choquei coa estampa que presento, facéndome reflexionar sobre o que este río foi no pasado e como unha barreira de tal calibre se transformou nunha vía de conexión.
Os contidos da imaxe evidencian esa mesma conexión, buscada xeración tras xeración, á vez que amosan unha parte importante da situación actual: Unha ponte perseguida polas xeracións devanceiras para sortear o Miño, que xa é o suficientemente antiga como para ser Patrimonio, e unha lancha contemporánea, que cumpre o mesmo cometido para o cal as xeracións pasadas deseñaron elementos similares, serven de exemplo material da interxeneracionalidade na que vivimos, na que as vellas xeracións deixan súa pegada para as novas.